Quen é Golfiño?

Golfiño sae á  superficie unha tarde de inverno de 1999; chega a estas terras desde o seu país nativo, Golfinia, para coñecer os usos e costumes dun seu parente próximo, o habitante da superficie Homo Sapiens (como ben sabedes, o golfiñés é un Delphinus Sapiens e é anfibio).

Inmigrante indocumentado, Golfiño establece a súa vivenda nunha fonte do Parque da Alameda e deseguido atopa traballo como repartidor de pizzas, actividade que lle permite coñecer a algúns dos que serán os seus compañeiros de aventuras, como Periquiña, o Conde Crápula ou o laureado pintor Coloriños. Malia que moita xente dubida da súa existencia (feito explicable, xa que ata o ano 2002 a nación de Golfiñia non foi coñecida a nivel internacional), pronto a súa fama o leva a ter unha revista de seu e a se converter nunha celebridade.