Historia

En xaneiro do ano 2000, Edicións Xerais de Galicia publica o número 1 da revista mensual Golfiño, dedicada á infancia. Dirixida por Miguel Vázquez Freire, conta coa dirección artística de Fausto Isorna; as súas páxinas mesturan historietas con seccións de carácter didáctico. Esta primeira etapa remata en 2001, co número 14.

En 2002 volve saír como parte da oferta de suplementos da fin de semana de La Voz de Galicia, co mesmo equipo directivo –incluída a secretaria, Isabel Soto–, aínda que nesta etapa todas as súas páxinas se dedican a series de historieta.

Como personaxe, Golfiño naceu durante a primeira etapa dunha maneira un pouco accidentada. A revista axiña se viu na necesidade de contar cun personaxe que servise de mascarón de proa e de comunicador preeminente cos lectores, tarefa que se lle encargou a Fausto.

Inspirándose na cabeceira da revista, Fausto crea un golfiño antropomórfico, habitante dun misterioso país submarino, cuxa estranxeiría permitía artellar situacións paradoxais e humorísticas ao enfrontalo cos costumes humanos. Desde o primeiro momento, Golfiño é estranxeiro, un emigrante indocumentado, e vive de polisón nas fontes dos parques mentres busca traballiños para ir tirando (repartidor de pizza), ata que unha editorial o descobre e o converte en personaxe de cómic.

A primeira historieta de Golfiño publícase no Golfiño mensual nº 1, e despois intermitentemente durante a primeira etapa. Na segunda época de Golfiño semanal comeza como personaxe de cuberta –onde é o protagonista dun gag humorístico–, e no número 35 combínase coa serie por entregas “Golfiño e os invasores”, que queda inacabada cando pecha a revista en 2004.