O Monicaco

O nacemento do incrible Monicaco vivente remóntase aos primeiros tempos da revista. Golfiño, nunha das súas aventuras, utiliza un lapis exposto a unha dose masiva de raios cósmicos (por se empregar para crear historietas de superheroes), e fai con el unha caricatura do debuxante. De súpeto, o retrato cobra vida e, animado por un odio intenso cara ao seu creador, consegue arrebatarlle o lapis, co cal ten o poder de facer realidade calquera cousa que debuxe (aínda que o faga fatal!). O Monicaco foi confinado nun armario dos sotos da editorial logo dunha dura batalla, pero ningún cárcere é o suficientemente seguro para contelo e logra escapar durante a liorta entre Golfiño e os Cuacuánidos. Actualmente descoñécese o seu paradoiro.